25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller | Concello de Boiro

O Concello de Boiro conmemora o vindeiro 25 de novembro o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller co obxectivo de promover a seguridade no ámbito do lecer.

A violencia contra as mulleres é un obstáculo para construír sociedades inclusivas e sostibles e, este ano, o Concello de Boiro quere mostrar o seu compromiso na loita contra a violencia de xénero facendo visibles as agresións machistas contra as mulleres no ámbito do lecer. A programación do 25N deste ano céntrase en dar visibilidade ás agresións machistas neste eido e elaborar un Protocolo de actuación contando cos distintos sectores e ámbitos involucrados.

A programación do venres 25 comezará cunha concentración ás 12.00 horas na Praza de Galicia onde se gardará un minuto de silencio en memoria das vítimas e a lectura dun manifesto colectivo de repulsa ás agresións machistas, facendo especial fincapé nas acontecidas no ámbito do lecer, no que van participar a mocidade, representantes da hostalaría local, do tecido asociativo e profesionais sociais, educativos, sanitarios e das forzas e corpos de seguridade.

Seguidamente terá lugar tamén unha mesa de traballo participativa para a diagnose das violencias machistas no ámbito do lecer boirense coa que se pretende deseñar un Protocolo de actuación que, de forma colectiva e coordinada co sector da hostalaría, o tecido social, a mocidade, profesionais sociais, educativos, sanitarios e das forzas e corpos de seguridade, sirva como folla de ruta para saber como actuar se sufrimos ou somos testemuñas dunha agresión de xénero.

|