Historia

Índice do artigo

No Mar de Arousa , onde conta a tradición que cara ó ano 44d.de C. entrou en Galicia o corpo do Apostolo Santiago traído polos seus discípulos Atanasio e Teodoro, atopánse as terras de Boiro, ó pe da mitoloxía da serra do Barbanza.

A etimoloxía do topónimo divide a especialistas e estudiosos. Quizáis a opción máis estendida sexa a que lle dá a este nome unha equivalencia a brétema, néboa; outros en cambio cren que pode derivar de “Bouro”, bo ouro, termo que faría referncia á calidade que este preciado metal tiña por estes lugares na antigüidade; ou de “Budetum espadañal”.

Por último non faltan aqueles investigadores que afirman que o topónimo Boiro ten unha orixe histórica, derivada dun prolongado asentamento ou influencia neste litoral da tribu sueva dos Burios.

Sexa como sexa, o espazo que hoxe coñecemos como Boiro está poboado dende tempos moi remotos, ainda que non se sabe con exactitude dende cando.

A continuación imos facer un percorrido pola prehistoria e historia de Boiro facendo a seguinte clasificación:

  • O Neolítico: Megalitismo
  • Idade do cobre e do bronce: Os petroglifos
  • A Idade de Ferro: A Cultura Castrexa
  • A Antiguidade: O mundo Galaicoromano
  •  A Alta Idade Media: Un periodo de oscuridade


O Neolítico: Megalitismo

 

Arredor do 8000 a.C. acontece un cambio climático, as temperaturas vólvense máis cálidas, e as bandas de animais recúan cara ó Norte. Como consecuencia, a caza escasea, o que obriga a mudar os costumes: xorde o Neolítico.

    O Neolítico supón a conversión dunha economía de subsistencia (Paleolítico) nunha de produción de base gandeira apoiada no cultivo do cereal. Estas modificacións no sistema de produción obriga a un maior sedentarismo da poboación e a certas transformacións sociais.

    O establecemento da gandería como base de subsistencia das bandas neolíticas fixo que se desenvolva a transhumancia; esta provoca o desprazamento puntual de individuos ó longo do territorio, xerándose unha importante canle de información e transferencia de coñecementos; xa que no transcurso da transhumancia entrarán en contactos frecuentes con distintos grupos sociais con culturas distintas, o que orixinará a difusión e adaptación de novas técnicas; como por exemplo, a domesticación das plantas ou agricultura, a fabricación de novos utensilios feitos con pedra pulida ou o desenvolvemento da olería.

    Unha das innovacións máis interesantes é a olería que permitirá a construción de recipientes para o almacenamento e transporte de produtos como a auga, sementes, gran, etc. Ademais permitirá mellorar a elaboración de produtos e alimentos; xa que a olería, a diferenza da cestería ou dos odres, pode exporse ó lume.

    Outra das novidades do Neolítico vai ser a transformación que sofre o culto ós mortos, desenvolvéndose unha nova manifestación cultural: o Megalitismo.

    O termo Megalitismo procede das palabras gregas mega (μεγας), grande e lithos (λιθος), pedra. Aínda que en sentido literal podemos atopar construcións megalíticas en todo o mundo, dende Xapón ata os xigantes da Illa de Pascua; denomínase Megalitismo ó fenómeno cultural localizado no Mediterráneo occidental e na Europa atlántica, que se desenvolve dende finais do Neolítico ata a Idade do Bronce, caracterizado pola realización de construcións arquitectónicas con grandes bloques de pedra chamados megalitos.

    No concello de Boiro encóntrase unha das concentracións máis significativas de monumentos megalíticos da Comarca, existindo escasos paralelos no resto de Galicia. O Megalitismo é a manifestación cultural máis antiga que coñecemos do Barbanza. Cronoloxicamente desenvólvese dende mediados do V milenio até finais do III milenio antes de Cristo; momento no que se constrúen numerosos túmulos ou mámoas en toda a Comarca, destacando pola súas características a necrópole (conxunto tumular) dos Chans do Barbanza.

    A alta concentración de monumentos funerarios (túmulos, mámoas, medoñas, medorras, antas, arcas, casotas, casarotas, etc.) fai supoñer que se tratou dun espazo intensamente ocupado e explotado. Estas comunidades van ser as primeiras sociedades produtoras; é dicir, non van ser depredadoras (caza, recolección, carroñeo, etc.) como en épocas precedentes.

    Estes grupos megalíticos van practicar unha gandería extensiva, moi semellante a como podemos vela na actualidade, con animais en réxime de liberdade ou semiliberdade; ademais van pór en cultivo os primeiros campos, practicando unha agricultura extensiva, modificando o medio no cal se desenvolven, ca produción de cereal (trigo e cebada, principalmente) e recolección de diversos produtos (landras, avelas, etc.); namentres, tamén practicarán actividades como a caza ou a explotación de recursos marítimo- fluviais (pesca e marisqueo).

    Dadas as características do sistema de produción, principalmente relacionadas coa agricultura e gandería extensivas, coa apertura dos campos de cultivo en busca de zonas con rendibilidade alta, vailles obrigar a mudar episodicamente de zona, o que se traduce en asentamentos seminómadas, coa construción de cabanas erguidas con materiais perecedoiros (feitas con paos, ramas, peles, etc.) que non chegaron a nós como tal, podemos rastrealas analizando as evidencias que deixaron sobre o chan en forma de buracos de poste, fosas, gabias, etc.

    As construcións funerarias, das cales existen numerosas representacións das distintas fases do Megalitismo nos Chans do Barbanza, son zonas de enterramento, ademais de formar parte de espazos delimitadores ou de apropiacións do espazo; é dicir, á par que enterraban os seus mortos, as construcións megalíticas eran identificadores de pertenza a un grupo social determinado, atribuíndose ó uso exclusivo do entorno no cal se asentaba a construción megalítica.

    O Megalitismo é unha manifestación cultural que dura entorno a 2000 - 2500 anos; pero non vai permanecer estable, vai ir evolucionando. Inicialmente, vanse construír grandes cámaras funerarias, con materiais maxestosos polas súas dimensións, como por exemplo Outeiriño Redondo; con posterioridade, vaise construír unha infraestrutura de acceso ou corredor que permita acceder directamente á cámara funeraria, dando lugar a túmulos como a Casota do Páramo que sería a primeira fase dos túmulos con corredor, para posteriormente aparecer túmulos como a Arca do Barbanza. Xa na fase final, vanse construír túmulos tipo cista, neste intres perden a infraestrutura de acceso (corredor) e convértense en elementos con escasa monumentalidade, que destacan pouco na paisaxe. Unhas das explicacións máis plausibles que se ten dado sobre esta última fase do Megalitismo, respecto da escasa monumentalidade dos elementos, é a referente a que nestes intres as zonas de enterramento xa non coexisten coas de produción, polo cal o papel da apropiación do espazo que se lle atribuía a estas manifestacións culturais deixan de ter importancia; a estas sociedades produtoras non lles interesa apropiarse dunha zona degradada ou con rendementos escasos, pero seguirán enterrando como os seus ancestros.

    Os principais exemplares que coroan o Barbanza no Concello de Boiro son: Casota do Páramo, Armadoiro, Pedra da Xesta, Cavada Primeira e Segunda, Casarota do Fusiño e a citada Arca do Barbanza.

    Boiro conta con outra das necrópoles megalíticas máis interesantes do Barbanza, referímonos á necrópole da Amañecida (Cespón) que delimita unha das portelas ou zonas de paso natural entre as Rías Baixas e a península do Barbanza. Está formada por un total de nove túmulos de impresionantes dimensións, aínda que a maioría deles atópanse nun estado de conservación regular-malo. A súa fermosura e importancia xa foron destacadas por Frei Martín Sarmiento en 1745 no seu libro Viaje a Galicia.

Casota do páramo

    Atópase nos Chans do Barbanza, no lugar da Graña, da parroquia de Cures. Trátase dun dolmen con cámara poligonal e corredor. Formada por sete chantos (laxes cravadas verticalmente na terra) e coa lousa de cuberta partida. Mide 3,40 m. por 3,50 m. Do corredor só se conserva a cuberta e unha lousa. O seu estado de conservación é regular, xa que está parcialmente destruída.

Casarota do fusiño

    Pertence á parroquia de Santiago de Lampón. Este dolmen, derruído polo paso do tempo, principalmente polas actividades furtivas dos buscadores de tesouros e aldraxado polos pedreiros, atópase no lugar de Outeiro do Curro; topónimo que fai referencia á celebración neste lugar de curros cos cabalos da Barbanza.

    Pódese descubrir con facilidade a súa cámara, pois conserva a configuración orixinal con sete chantos, cunha planta poligonal pero con tendencia circular. A lousa de cuberta está apoiada no lugar onde arrinca o corredor, do que se poden distinguir dous chantos e a cuberta.

Arca do Barbanza

    Administrativamente pertence á parroquia de Cures. A súa localización coincide co espazo central da Serra do Barbanza. Sitúase ós pés do nacemento do río Barbanza. O seu emprazamento resulta atípico, xa que os creadores destas arquitecturas buscaban sempre zonas con ampla dominación visual, situadas preferentemente en penechairas nas zonas de cumio. Dadas as características morfolóxicas que presenta, está considerado o monumento megalítico máis grande do Barbanza, e posiblemente un dos de maiores dimensións de Galicia, con 6,60 m. de lonxitude, dos cales 3 m. son aproveitados para o corredor. A cámara, de forma poligonal, conserva seis chantos, faltando o da cabeceira. A cuberta está lixeiramente desprazada, e estímaselle un peso de 7 toneladas. O corredor, de dous tramos e forma triangular, conserva catro lousas e dúas de cuberta; ademais pódense apreciar restos de coiraza do túmulo.

    O paso do tempo deixou a súas pegadas na construción funeraria, vén fosen os afeccionados á busca de tesouros, ou por amosarse idónea para albergar tobos de animalias. As investigacións arqueolóxicas teñen incidido sobre estas manifestacións, concretamente na década de 1980 cando xoves investigadores da Universidade de Santiago de Compostela recalan no Barbanza para investigar. Esta actuación levada a cabo en anos sucesivos arroxou moita luz sobre o Megalitismo do NW peninsular, e en concreto do Megalitismo do Barbanza.

 


Idade do Cobre e do Bronce: os Petroglifos

 

A finais do III milenio antes do cambio de era, arredor do 2200 a. C. vai ter lugar una innovación tecnolóxica, o descubrimento da metalurxia, da transformación dos minerais e metais. Inicialmente, comezarase dominando as técnicas mineiras e metalúrxicas do cobre, para a continuación desenvolver a tecnoloxía do bronce e posteriormente a do ferro (esta última durante a cultura castrexa).

 

A actividade mineiro-metalúrxica fará que se intensifiquen as relacións comerciais e o intercambio económico. Estes feitos son derivados directamente da demanda mediterránea de materias primas, que redundará no NW peninsular pola riqueza dos xacementos estanníferos. Debido a causas diversas, como a actividade mineiro-metalúrxica, vanse producir mudanzas socioeconómicas ó longo do II milenio B. C., xa que determinados grupos fanse co control das redes de intercambio metalífero, polo que comeza unha incipiente diferenciación social; e polo tanto será frecuente a existencia de enxovais metálicos formados por elementos de prestixio e ostentación como son as armas (puñais, puntas de frecha –tipo Palmela- brazais de arqueiro) ou determinados adornos feitos con materiais e técnicas de ourivaría.

 

A importancia dos metais vén determinada por unha maior eficacia na produción, xa que se deseñan utensilios que facilitan os labores, como por exemplo os machados metálicos. Paulatinamente intensifícase a produción de recursos, tanto agrarios como pastorís ou gandeiros; e a especialización na elaboración de produtos derivados (p. e.: leite) e o emprego dos animais como medios de tracción e transporte. Paralelamente, sucédense unha serie de cambios nas especies cultivadas (trigo, cebada e produtos hortícolas) ó verse incrementadas coa presenza de leguminosas, como as fabas, lentellas e chícharos. Nestes momentos prodúcese un afianzamento da economía produtora, o que vai facilitar un incremento demográfico, e polo tanto certa presión sobre o territorio para a explotación do mesmo.

 

Dende o punto de vista da ocupación do territorio, estas comunidades van cambiar as zonas de asentamento e as áreas de explotación de recursos; xa que hai que ter en conta as limitacións das zonas ocupadas na época precedente que se corresponden con zonas esgotadas a raíz do sistema de explotación empregado (sistema de rozas).

 

As zonas de hábitat desprázanse cara ás terras baixas, chairas e vales; establecendo o control sobre certas áreas estratéxicas, coma as zonas de transito ou portelas, ou ben espazos ricos en recursos agropecuarios; ademais de certa dependencia ou preferencia por zonas con proximidade de cursos de auga.

 

O asentamento caracterízase pola precariedade construtiva; cabanas feitas con materiais perecedoiros, sen preocupación por aspectos defensivos en xeral.

As evidencias arqueolóxicas que xeraron estas sociedades da idade dos metais (cobre e bronce) podemos distinguilas en:

  • Espazos domésticos ou habitacionais
  • Manifestacións rituais, simbólicas ou funerarias.

Os espazos domésticos ou habitacionais pertencen ó que os investigadores definen como arqueoloxía invisible, dado ás características que presenta a nivel construtivo e de acondicionamento do espazo, só é posible identificala mediante prospeccións intensivas ou mediante a remoción de terras sometidas a controis arqueolóxicos como ós que se someten as obras públicas.

 

As evidencias estruturais destas ocupacións humanas chegan a nós mediante buracos de poste, fosas, gabias, silos ou fogares escavados no subsolo; elementos moitos deles multifuncionais. Este tipo construtivo cunha arquitecturización que podemos cualificar como precaria, feita a base de ramas de troncos de vexetación arbustiva ou arbórea, suxire unha parca sedentarización da poboación, posiblemente relacionada ca explotación de recursos estacionais.

 

En canto á esfera ritual, simbólica ou funeraria podemos diferenciar dúas realidades distintas: o ámbito mortuorio e a arte rupestre.

 

No que atinxe ó ámbito mortuorio, caracterízase por tratarse dun panorama moi complexo: existe unha pervivencia limitada do megalitismo co emprego ocasional dos espazos tumulares; desenvólvense novas estruturas tumulares como as cistas ou cairns –estruturas pétreas cavadas no chan de pequenas dimensións-, construción de fosas de enterramento; e incluso a posibilidade da inmersión de cadáveres na auga que daría lugar ó achado de acubillos. En canto ó tratamento do cadáver tamén parecen coexistir distintos tipos de estratexias, dende a cremación á inhumación, tendo en conta actividades como a descarnación e desmembramento dos cadáveres.

 

Outra das manifestacións culturais que van desenvolver estas sociedades, e que chegou ó presente en distintos graos de conservación, é a arte rupestre ou petroglifos.

 

A arte rupestre: os petroglifos en Boiro.

É outra das manifestación culturais prehistóricas que deixaron pegada nas terras de Boiro, trátase de gravados feitos na rocha ó aire libre. Os motivos representados son moi variados, podemos distinguilos entre figurativos ou naturistas, e abstractos ou xeométricos.

As representacións figurativas ou naturistas son aquelas nas que podemos intuír o seu significado ou coñecer a realidade que se tenta amosar; é dicir, podemos descifrar un cervo, un antropomorfo –representación humana ou divindades-, unha cabra, un cabalo, etc. Namentres, os abstractos, fan alusión a realidades que non logramos descifrar con certeza; as interpretacións son moi variadas dependendo en gran medida dos distintos investigadores que traten o tema. Algunhas das explicacións aportadas inciden en que se trata de representacións entópticas (resultado do consumo de narcóticos e psicóticos), planos de situación (localización de zonas de pasto ou relacionadas coas zonas de explotación de estaño), espazos simbólicos ou rituais, etc.

A particularidade deste tipo de vestixios arqueolóxicos fai moi difícil, ademais da súa interpretación, establecer a súa cronoloxía. As últimas investigacións apostan por unha cronoloxía ampla, establecendo o máximo apoxeo da mesma dende o III milenio até mediados do II milenio antes do cambio de era, ainda que é posible atopar paradas con anterioridade e tamén con posterioridade.

Estas manifestacións artísticas atópanse no seo dunhas comunidades agro-pastorís que incorporan innovacións tecnolóxicas e agronómicas, o que lles permite unha intensificación agrícola e gandeira, que incorporan novos utensilios que se poderán empregar para intensificar a produción agraria e agropastoril. Nestes momentos prodúcese un afianzamento da economía produtora, o que vai a facilitar un incremento demográfico. Este tipo de cambios van ir asociados a outros, coma unha rivalidade intergrupal pola apropiación dos espazos dedicados á explotación de recursos; esta conflitividade é resultado de definir dereitos exclusivos sobre áreas importantes en recursos (pasto, campos de cultivo de alta rendibilidade, caza, etc.).

As últimas investigacións que se teñen acometido na Comarca, poñen de manifesto que se trata dunha das zonas con maior presenza deste tipo de manifestacións. No caso concreto do concello de Boiro, destacan os petroglifos de Cubeliño, próximos ó lugar de Quinteiro, na parroquia de San Vicenzo de Cespón. A súa presenza xa foi mencionada nas obras de Castelao sobre as cruces da Galiza.

A rocha gravada disponse con certa inclinación, o que facilita a comprensión do conxunto representado, facendo partícipe á rocha da paisaxe representada, semellando que se trata do solo sobre o cal deambulan os cervos.

Outros conxuntos de gravados da arte rupestre son os situados en Vitres, Macenda, Confurco, Agüeiros, ou os petroglifos de Chan dos Reis ou de Pedra da Bouza, tamén son destacables os de Bealo, amplo conxunto con múltiples representacións cerca da capela de San Ramón de Bealo.

 


A Idade do Ferro: A Cultura Castrexa

 

O vestixio máis representativo da idade do Ferro no NW peninsular é o castro, que fai referencia a un asentamento fortificado. Falamos de idade do Ferro porque é nestes intres entorno a mediados do Iº milenio antes do cambio de era, aproximadamente século VI a.C., cando se vai coñecer a técnica da produción do ferro e aparecen os primeiros utensilios fabricados neste metal. A idade do Ferro tamén se coñece como a etapa protohistórica, facendo referencia a que non estamos plenamente en etapa histórica, senón que a diferenza entre prehistoria e historia está na existencia de documentación escrita; no momento que existen documentos escritos xa estamos falando de época histórica. Como é sabido, un proceso como a escritura non se fai universal dun día para outro, senón que se orixina nun lugar e vaise estendendo.

No caso da cultura castrexa, que ten o seu máximo expoñente no castro, van ser sociedades ágrafas –sen escritura- pero vainos chegar información escrita por referencias doutros pobos, neste caso do mundo romano, que a través de escritores como Estrabón, Plinio, Pomponio Mela, etc., infórmannos dos costumes destes pobos e da súa cultura, como é o caso do mundo castrexo.

Nestas sociedades vai ter un papel preponderante a guerra, de aí as características do hábitat en castros, que non é máis que un asentamento fortificado, cunha serie de elementos que facilitan o seu illamento e a súa defensa. Elementos como parapetos, murallas, foxos, pedras fincadas, cercados, etc. formarán parte do sistema defensivo, á vez que lle outorgan gran monumentalidade ao asentamento.

As sociedades que viven nestes asentamentos tipo castro, van ser comunidades xerarquizadas; cunha dedicación económica moi ampla, explotando tódolos biótopos á súa disposición, practicarán a gandería, a agricultura, o marisqueo e a pesca, así mesmo non abandonan actividades como a recolección (por exemplo das landras) ou a caza. Terá un importante papel o comercio, a actividade mineira e a metalúrxica.

O NW peninsular conta entre os seu haberes cunha grande riqueza metalífera (principalmente estaño e ouro) que será codiciada dende antigo polos pobos do Mediterráneo, servindo de elemento de intercambio, namentres exportábamos metais, importábamos viños, aceites, produtos suntuarios, etc.

A cultura castrexa en Boiro.

Un dos xacementos máis emblemáticos da idade do Ferro galaico son os Castros de O Neixón, que se atopan nunha pequena península que desauga no interior da ría de Arousa; trátase da península de O Neixón na parroquia de S. Vicenzo de Cespón. O conxunto arqueolóxico está formado por dous castros, o Castro Pequeno (VI-IV a.C.) e o Castro Grande (IV a.C.-III/IV d.C.) que foron importantes enclaves de intercambio e comercio de mercadorías. Destaca entre outras moitas circunstancias, por ser un dos castros máis antigos (Castro Pequeno) do NW peninsular.

As investigacións arqueolóxicas iniciáronse a mediados da década de 1920, concretamente en 1925 nada máis fundarse o Seminario de Estudios Galegos (1923), recalan en O Neixón Fermín Bouza Brey e Florentino López Cuevillas, ambos pertencentes á elite intelectual do momento, e integrados na prestixiosa Xeración Nós. Os resultados desta intervención arqueolóxica, que será considerada a primeira de carácter científico que se faga no eido da cultura castrexa, serán empregados, con posterioridade, para o que se considera como a primeira obra científica da arqueoloxía galega <> (López Cuevillas e Bouza Brey, 1929). Este feito converteu os Castros de O Neixón no paradigma, no modelo da cultura castrexa, o que obrigará con posterioridade, a que gran parte dos investigadores que traten determinados aspectos sobre o mundo castrexo, volvan escavar O Neixón para confirmar ou desmentir as hipóteses de partida. Hox en día segue sendo un xacemento de obrigada referencia nas publicacións sobre a idade do Ferro.

Na actualidade séguese facendo intervencións arqueolóxicas con fins científicos, asumidos polo Instituto de Estudios Galegos Padre Sarmiento pertencente ó Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC); á par estase executando unha posta en valor do xacemento, adecuándoo para que sexa visitable; e dotouse dun centro de interpretación nas inmediacións: Centro Arqueolóxico do Barbanza “Castros de Neixón”.

Outro xacemento de interese é o Castro de O Achadizo, que se localiza nunha pequena península sita na marxe setentrional da ría de Arousa, a unha altitude de 5 m. sobre o nivel do mar; nun lugar ocupado hoxe en día polo pobo de Cabo da Cruz. Os traballos de apertura dunha nova rúa en 1991, fixeron que saíra á luz parte das estruturas habitacionais, así como un conxunto importante de restos materiais.

Existe outra serie de xacementos castrexos na zona de Boiro, como son o Castro de Amoureira ou o Castro de Goritas, pero sen apenas tradición historiográfica, e que non foron intervidos arqueoloxicamente, salvo as prospeccións pertinentes.

Listado de castros de Boiro:

  • Alto do Castro (Vilariño)
  • O Castriño (Bealo)
  • Castro de Sandrenzo (Agro do Monte)
  • Castro de Cures
  • Castro de Runs
  • Castro de Casos do Barbanza.

 


A Antigüidade: o mundo Galaicorromano

 

Mentres que en época protohistórica o xacemento emblemático vai ser o castro, en época antiga fixarémonos nas infraestruturas que flanquean o noso territorio, concretamente referímonos ás vías terrestres, as vías romanas. 

A conquista militar do NW peninsular podémola reducir a tres fases: (I) o ano

137 a. C. cando o procónsul Decimo Xunio Bruto acomete a conquista militar entre o Texo e o Douro, sometendo a zona da Lusitania; (II) nos anos 61-60 a. C., Xulio Cesar realiza unha nova campaña militar sometendo aos territorios do NW até o Golfo Ártabro (rías de Betanzos, Ferrol e A Coruña); (III)entre os anos 29-16 a. C. ten lugar a conquista total do NW en mans de Augusto, celebrándoo coa erección das Aras Sestianas. 

Realmente hai que matizar certos aspectos da conquista militar romana, xa que as fontes documentais das que dispomos, exhiben certo carácter propagandístico, relatan a conquista para realzar as xeiras bélicas dos seus patróns. O contacto co mundo romano, co mundo mediterráneo é bastante anterior á conquista bélica, podendo incluso retrotraer á idade do Bronce, momento no que comeza un intenso intercambio de mercadorías. A romanización do NW vai ser distinta, de baixa intensidade dadas as súas características. Trátase dun proceso de aculturación, de asimilación da cultura romana, que pasará a coñecerse historicamente como a época galaico-romana, que fai referencia a esa asimilación de novas influencias (crenzas, gustos artísticos, modos de vida, hábitat, etc.). 

A Roma interésalle o control político e administrativo da Gallaecia (NW peninsular) para explotala economicamente, principalmente pola súa riqueza mineral, concretamente polo estaño, cobre e ouro; e tratarse dunha zona de paso cara os finisterres atlánticos, o galego, bretón, británico e o irlandés; en definitiva, un enclave primordial para a comunicación vía maris coa fachada atlántica e cantábrica.

Para poder controlar política, económica, militar e administrativamente a zona do NW peninsular van desenvolver unha serie de infraestruturas que faciliten o acceso a zona, e as comunicacións a media e longa distancia; centrando os seus esforzos na construción das grandes obras públicas (vías, pontes, faros, etc.). 

Durante a época galaico-romana ou Antigüidade o asentamento da poboación diversifícase, séguense ocupando os castros, instálanse en novos enclaves como os vici –pequenos núcleos rurais abertos de autosubsistencia-, villaes –vilas ou mansións rurais- ou grandes civitas -cidades-; todo isto responde a unha serie de transformacións económicas e á adopción de modos de vida romanos, que mudan en gran medida o emprazamento e polo tanto as características dos xacementos da época. 

Dende o punto de vista arqueolóxico quedan moitos xacementos por saír á luz, aínda que nestes intres non poidamos apuntar ningún con fiabilidade salvo os casos novidosos do xacemento de O Curral (Sandrenzo) ou Torta (Agañán). No caso das   grandes obras infraestruturais podemos sinalar trazados da antiga calzada romana (con matices); pero estamos convencidos que dada a importancia da zona dende os albores do Neolítico, cuxa máxima expresión é o megalitismo, ou a densidade de asentamentos castrexos existentes, ademais da importancia da zona como vía de paso tanto para comunicarse coa zona oeste do Barbanza, como coa ría de Muros-Noia, atraveso da valgada natural do Confurco; que só e cuestión de tempo que a arqueoloxía nos amose os vestixios que se atopen agochados baixo os sedimentos do solo.
 

Boiro durante a antigüidade.

O descubrimento recente de dous xacementos arqueolóxicos no termo municipal de Boiro datados na Tardo-Antigüidade ou Alta Idade Media, pon de relevancia a existencia de un contínuum na ocupación do territorio boirense. A localización do que puideran ser dous vici –pequenos asentamentos rurais abertos, cunha natureza fixada na autosubsistencia produtiva- permite encher un baleiro histórico e arqueolóxico non só na historia de Boiro, senón que afonda no coñecemento destes intres escuros en toda a fachada norte da ría de Arousa.
 

No que atinxe ás infraestruturas de comunicación que tenta vertebrar os distintos territorios, no caso de Boiro consérvase o que tradicionalmente se considera a calzada romana do Monte de Vitres. As distintas interpretacións feitas sobre esta vía consideran que se trata dun treito da Calzada que formaría parte da vía XX ou <<per loca marítima>>, variante da vía XIX pero situada ao longo da costa atlántica do NW, cunha extraordinaria importancia económica, definida pola intensa actividade mineira, e o extraordinario papel comercial que permitía ter comunicados os núcleos costeiros cos interiores.
 

As referencias á calzada romana do Monte de Vitres (López Ferreiro) fan alusión ao acuartelamento da Legio VII Victrix no entorno, o que quedaría fixado na toponimia da zona como Castelo de Vitres. Outros anacos desta estrada podemos vela en Belles de Arriba e Belles de Abaixo.
 

A pesares da eiva de datos empíricos nestes intres, é probable que nos atopemos ante unha calzada romana fosilizada ou substituída por un rueiro medieval. Para esta nova interpretación  baseámonos nos seguintes argumentos:

O Castelo de Vitres. Os restos arqueolóxicos conservados manifestan que se trata dun asentamento medieval, así como o topónimo: castelo. O posible contexto de fundación do Castelo de Vitres sexa finais da Alta Idade Media, momentos que corresponden cunha alta inestabilidade e conflitividade política militar coas invasións normandas, vikingas e sarracenas. Neste contexto adóptanse unha serie de medidas co fin de protexerse destes ataques, e unha delas é a construción dunha serie de torres con fins de vixilancia, protección e defensa contra os asediadores. Como resultado destas medidas constrúense as Torres do Oeste en Catoira, as fortificacións de Pontesampaio ou a Lanzada, e posiblemente o Castelo de Vitres, que posúe un amplo control visual sobre parte da Ría de Arousa.

 

En relación coa <<calzada>> resulta dubidoso que a configuración actual sexa de orixe romana, dende logo pode estar fosilizando unha antiga vía, pero na actualidade semella ser unha vía medieval relacionada co rexurdir dunha economía de mercado, que vai acompañada cunha reestruturación política e o restablecementos das rutas comerciais durante a segunda metade do século XII, que vai acompañado dunha posta ao día dos vellos camiños e pontes. Neste contexto, o rei Fernando II crea un novo porto de reguengo en Noia arredor de 1164 para tentar liberar ao comercio exterior galego, monopolizado polos arcebispos composteláns.

Outras das vías de comunicación que podemos considerar como unhas das máis antigas da municipio, é a actual estrada AC-305, concretamente no treito da Ponte da Brea. Indiscutiblemente, atopámonos ante un topónimo que fai alusión directa á rede viaria terrestre (Brea, Verea). Non sería destacable este treito de vía, que quedou consagrado en época antiga, se non se tratase dunha vía de comunicación prehistórica, xa que se atopa custodiado no seu trazado por un conxunto importante de túmulos megalíticos dende a Ponte da Brea até a Amañecida.

Sucederá o mesmo con posterioridade, tanto en época medieval, que se van empregar as vías, nalgúns casos construídas exnovo e noutras consolidadas sobre antigos camiños; como en época moderna coa estruturación e ordenación do territorio a traveso dos camiños reais (Decreto de 1759 de Floridablanca), que posteriormente, a partires de 1865 se converterá nunha estrada propiamente dita,  AC-305 dentro do proxecto de modernización do viario. Deste xeito confirmamos que nos atopamos ante o aproveitamento dunha vía de comunicación dende tempos inmemoriais até a actualidade, xa que facilita a comunicación entre as dúas marxes da ría de Arousa, facéndoos transitables. 

Este treito entre a Amañecida e Ponte da Brea é ademais particular por atoparse no seu debagar parte da Corredoira francesa que debe o seu nome ao intento de ocupación francesa en época moderna. Outra das particularidades do treito é que nas inmediacións eríxese o camiño que vai a Bealo, topónimo que volve pór de relevancia a gran importancia das vías de comunicación, xa que pode derivar do termo viarium ou vialis.

 


A alta Idade Media: Un período de oscuridade

 

Co declive do Imperio romano de Occidente, chegan á península os grupos xermanos: suevos, vándalos e alanos, que atravesan os Perineos no ano 409. O reparto que fan da península coa venia de Roma que asina os foedus ou pactos de asentamento (hospitalitas), determina que despois de numerosas liortas e batallas, arredor do ano 411 se apousenten os suevos na Gallaecia, dando inicio á etapa histórica coñecida como Alta Idade Media, que se inaugura coa instauración do reino suevo na antiga Gallaecia romana.

O escaso número de suevos chegados acabarán diluídos e integrándose co resto da poboación, ademais cambiarán a actividade da guerra pola de campesiños, xa que grazas ao foedus vanse dedicar a poñer en cultivo gran parte do ager publicus que lles é asignado pola administración romana. Consecuencia desta integración vai ser a conversión ao cristianismo dos suevos no 449, coincidindo co reinado de Requiario.

Dende o punto de vista da estruturación e ocupación do territorio vai estar determinada en gran medida polas características convulsas da época (p.e. Batalla de Órbigo, 456), mudando gran parte do sistema administrativo, político e económico da etapa anterior; o que suporá o declive das estruturas que facilitaban e impulsaban un comercio a media e longa distancia, causando o declive dos centros urbanos ou protourbanos destinados a actividades do sector secundario (produción oleira e metalúrxica, actividades relacionadas co tratamento e procesado dos bens alimentarios como panadarías, conservas afumadas e salgadas, ou industrias, como a da madeira e carpintería, industria téxtil, artesanado, etc.

A entrada dos pobos do Norte de Europa, os bárbaros, provoca un declive urbano seguido dunha ruralización do hábitat, diluíndose os grandes aglomerados da época anterior, cun retroceso da vida comercial e urbana; iniciándose os pasos cara ao feudalismo, cunha economía de auto subsistencia, cun fortalecemento da nobreza tradicional e da xerarquía sueva como grandes terratenentes.

Despois dos avatares políticos que xorden cos problemas de alianzas entre suevos, francos, bizantinos e visigodos a raíz das sublevacións e confrontacións por temas relixiosos, acabará desencadeando que Leovixildo –rei visigodo- invada as terras galegas e anexione o reino suevo á monarquía hispano- visigoda no ano 585.

Dende o punto de vista administrativo vaise configurar unha figura que chegará aos nosos días, como é a “parroquia “ como elemento de división administrativa. Esta partición vai ser obra das influencias romano- bizantinas de Martiño de Dumio que recala no Galliciense regnum provinte de Bizancio no ano 550. Esta reforma administrativa coñécese como Parrochiale Suevum ou Divisio Theodomiri, que establece a división do territorio da antiga Gallaecia –aproximadamente- en trece sedes episcopais, subdivididas en dioceses, e estas á súa vez en parroquias. Esta reforma evidencia a importancia da relixión na administración, conformándose con un papel hexemónico a nivel político- administrativo. É preciso ter en conta a represión que vai ter a nobreza laica que vai manter unha actitude en rebeldía, ante a que a monarquía hispano- visigoda tomou represalias, adiantándose ao sector eclesiástico que verá satisfeito as súas aspiracións de fortalecemento do seu poder.

Conforme nos vamos imbuíndo na Idade Media, entre os séculos VIII e XI, vanse suceder unha serie de episodios que manifestan a extraordinaria importancias das vías de comunicación, principalmente as marítimo fluviais. Estes episodios son os referidos ás segundas vagas de asediadores, normandos e musulmáns recalan nas costas galegas para levar a cabo acción depredadoras.

Os primeiros van ser os musulmáns que aparecen na historia galega no 714 dentro do impulso expansivo, establecendo asentamentos nestas latitudes. Á altura do 740 non se conserva constancia da presenza bérber; non obstante, no 997 Almanzor volve asediar Compostela.

Os normandos fan acto de presenza a partir de 844, en particular nas zonas costeiras, ao se trasladar por vías marítimo- fluviais, dada a rapidez, seguridade e volume de carga do material apresado. Dende estes momentos de mediados do século IX vai ser o pesadelo das zonas do litoral sometidas a asedios e devastacións constantes, o que obrigará a unha despoboamento do litoral e das ribeiras dos ríos, navegables en momentos estivais, coincidindo coa chegada das razzias dos normandos, obrigando a dirixirse cara as zonas máis interiores aos oriúndos do litoral para evitar o saqueo.

Este tipo de circunstancias obrigarán aos gobernantes da época a tomar medidas, destacando por exemplo a construción das Torres do Oeste polo bispo Sisnando, co fin de controlar o acceso pola ruta fluvial do Ulla e garantir certa seguridade. Neste intre volve poñerse de relevo a gran importancia da vía marítimo- fluvial como arteria de comunicación.

Esta inseguridade latente, vai desencadear unha maior dependencia feudo- vasala da nobreza respecto do pobo. Outórganlle protección militar en favor dunha dependencia económica (entrega de propiedades, p.e.), o que volve transformar o panorama da ocupación humana sobre o territorio; están xurdindo castelos, fortalezas e pazos dos señores feudais. A situación destas construcións vai ser estratéxicas, atendendo aos asedios de normandos e sarracenos por vía marítimo- fluvial; ou ben en zonas continentais coa finalidade de controlar a tenue fronteira co mundo musulmán en momentos de reconquista.

Coa invasión musulmán da península no 711 e a derrota do reino hispano- visigodo, a estrutura político- administrativa vai desaparecer, volvendo aflorar as formas de organización popular máis básicas e tradicionais característica que perdura da época prerromana. En realidade estas formas apenas foran modificadas en natureza, o que se fixera fora substituílas dende un punto de vista administrativo, como sucedeu co Parrochiale suevo, que non fixo máis que integrar a organización primixenia nunha estrutura homoxénea e organizada. Agora en época alto medieval coa desaparición dunha estrutura supralocal, van arraigar as competencias propias destas, en mans do señor (defensa, xustiza, impostos, obras públicas, etc.) configurándoseseñorío xurisdicional.

Análise da ocupación do territorio na Alta Idade Media.

Nestes momentos van sufrir un importante decaemento os núcleos costeiros que florecerán a raíz da pesca e o comercio, desprazándose estas poboacións cara a zonas interiores –como vimos- en busca de protección, e xerando un momento de esplendor das explotacións agrarias no eido rural, apartados das principais vías de comunicación, desenvolvéndose as actividades en centros moi reducidos cunha rede de comunicacións de ámbito local.

O hábitat nestes intres caracterízase pola súa localización rural, cunha gran dispersión centrada en pequenas unidades de explotación cunha economía de auto subsistencia. Nestes momentos non existen grandes concentracións de asentamentos humanos senón núcleos rurais dispersos caracterizados polo autoconsumo, cunha produción artesanal e un escaso desenvolvemento técnico.

As invasións van xerar un impacto escaso sobre estes asentamentos, xa que como recollen as fontes, en certas épocas o campesiñado rural ausentábase da zona litoral retirándose aos montes, fóra das rutas dos razzias e depredacións dos invasores. As zonas litorais que florecerán en certa medida grazas ao comercio marítimo, a pesca e o marisqueo; coa interrupción das vías de comunicación, gran parte da poboación vai asentarse novamente en lugares afastados da costa, en zonas máis favorables para as actividades agrarias.

Esta inseguridade persistente dende o século VIII ao XI, vai condicionar en certa medida algunhas das características do hábitat, e vai condicionar tamén o tipo de construcións que se van erguer, a partir destes momentos irán xurdindo por toda a xeografía galega os castelos e fortalezas, como por exemplo as Torres do Oeste, que vai xerar certa dependencia da nobreza e do clero e que lle outorgará protección á plebe a cambio de vasalaxe; configurándose desta maneira un dos xestos máis representativos do feudalismo, conferíndolle ao señor as competencias fiscais, de obras públicas, defensa e xustiza.

As pegadas da Alta Idade Media en Boiro.

Ademais dos novos xacementos arqueolóxicos incorporados recentemente ao catálogo municipal como son <> e <>, aos que xa fixemos referencia no apartado anterior, e que poderían pertencer a ámbolos dous períodos, á Antigüidade tardía ou aos primeiros séculos da Idade Media; ou incluso estar falando de perdurar de forma alongada entre ámbolos dous momentos; na actualidade cos datos dos que dispomos non podemos concretar con maior detalle.

No caso do <> parece probable que o topónimo estea indicando un asentamento de dedicación agro- gandeira, caracterizado pola auto subsistencia na produción de bens de consumo. Ademais o seu enclave extra muros do Castro de Sandrenzo, podería estar indicando un asentamento pos castrexo de longa permanencia, xa que hai que ter en conta que nesta zona tense documentada toda a secuencia cronocultural dende época neolítica até a actualidade, que sigue sendo un importante núcleo residencial.

En concreto, este xacemento forma parte da clasificación de xacementos non monumentais ou invisibles, é dicir aqueles que polas súas características a penas deixan evidencias no territorio, o que non implica que deixen de ser importantes, xa que podemos consideralo, a día de hoxe, como único na zona, e polo tanto cun alto potencial informativo, xa que ademais pertence a un momento no que as fontes escritas son escasas e como resultado de todo isto (escasas fontes escritas e baleiro arqueolóxico) fan que o xacemento sexa excepcional.

As evidencias exhumadas a raíz do movemento de terras levado a cabo na zona pon de manifesto a existencia de varias estruturas arqueolóxicas (muros) e numerosos derrubes, sen esquecer os abondosos restos de cultura material, tanto construtiva (tégulas) como de consumo e almacenamento (olas de almacenaxe e recipientes de cocción e consumo).

Este tipo de xacementos aportarán valiosos datos para escribir novas páxinas na escura historia tardo antiga e alto medieval galega, e polo tanto tamén da historia boirense.

Outra das manifestacións presentes na zona do que podemos datar o seu momento fundacional nestes intres da alta idade media, é a división administrativa en parroquias que fixa as súas raíces no reino suevo, que perdura até a actualidade, e que podemos clasificalas como parte do patrimonio inmaterial.

En Boiro contamos con oito parroquias: San Cristovo de Abanqueiro, San Ramón de Bealo, San Vicenzo de Cespón, San Xoán de Macenda, Santa Baia de Boiro, Santa María do Castro, Santiago de Lampón, Santo Andrés de Cures. Cadansúa das cales, dispón dun conxunto monumental impresionante e único, do que dan fe as distintas igrexas, igrexarios e casas reitorais.

Outra das evidencias da Alta Idade Media en territorios boirense atópase nas inmediacións do núcleo de Abanqueiro, onde se conserva un sartego (sepulcro antropoide) que dadas as características que presenta podería ser máis antigo que a propia fundación do templo de San Cristovo de Abanqueiro, que se estima ao longo do século XIII.

|