Historia

Índice do artigo

O Neolítico: Megalitismo

 

Arredor do 8000 a.C. acontece un cambio climático, as temperaturas vólvense máis cálidas, e as bandas de animais recúan cara ó Norte. Como consecuencia, a caza escasea, o que obriga a mudar os costumes: xorde o Neolítico.

    O Neolítico supón a conversión dunha economía de subsistencia (Paleolítico) nunha de produción de base gandeira apoiada no cultivo do cereal. Estas modificacións no sistema de produción obriga a un maior sedentarismo da poboación e a certas transformacións sociais.

    O establecemento da gandería como base de subsistencia das bandas neolíticas fixo que se desenvolva a transhumancia; esta provoca o desprazamento puntual de individuos ó longo do territorio, xerándose unha importante canle de información e transferencia de coñecementos; xa que no transcurso da transhumancia entrarán en contactos frecuentes con distintos grupos sociais con culturas distintas, o que orixinará a difusión e adaptación de novas técnicas; como por exemplo, a domesticación das plantas ou agricultura, a fabricación de novos utensilios feitos con pedra pulida ou o desenvolvemento da olería.

    Unha das innovacións máis interesantes é a olería que permitirá a construción de recipientes para o almacenamento e transporte de produtos como a auga, sementes, gran, etc. Ademais permitirá mellorar a elaboración de produtos e alimentos; xa que a olería, a diferenza da cestería ou dos odres, pode exporse ó lume.

    Outra das novidades do Neolítico vai ser a transformación que sofre o culto ós mortos, desenvolvéndose unha nova manifestación cultural: o Megalitismo.

    O termo Megalitismo procede das palabras gregas mega (μεγας), grande e lithos (λιθος), pedra. Aínda que en sentido literal podemos atopar construcións megalíticas en todo o mundo, dende Xapón ata os xigantes da Illa de Pascua; denomínase Megalitismo ó fenómeno cultural localizado no Mediterráneo occidental e na Europa atlántica, que se desenvolve dende finais do Neolítico ata a Idade do Bronce, caracterizado pola realización de construcións arquitectónicas con grandes bloques de pedra chamados megalitos.

    No concello de Boiro encóntrase unha das concentracións máis significativas de monumentos megalíticos da Comarca, existindo escasos paralelos no resto de Galicia. O Megalitismo é a manifestación cultural máis antiga que coñecemos do Barbanza. Cronoloxicamente desenvólvese dende mediados do V milenio até finais do III milenio antes de Cristo; momento no que se constrúen numerosos túmulos ou mámoas en toda a Comarca, destacando pola súas características a necrópole (conxunto tumular) dos Chans do Barbanza.

    A alta concentración de monumentos funerarios (túmulos, mámoas, medoñas, medorras, antas, arcas, casotas, casarotas, etc.) fai supoñer que se tratou dun espazo intensamente ocupado e explotado. Estas comunidades van ser as primeiras sociedades produtoras; é dicir, non van ser depredadoras (caza, recolección, carroñeo, etc.) como en épocas precedentes.

    Estes grupos megalíticos van practicar unha gandería extensiva, moi semellante a como podemos vela na actualidade, con animais en réxime de liberdade ou semiliberdade; ademais van pór en cultivo os primeiros campos, practicando unha agricultura extensiva, modificando o medio no cal se desenvolven, ca produción de cereal (trigo e cebada, principalmente) e recolección de diversos produtos (landras, avelas, etc.); namentres, tamén practicarán actividades como a caza ou a explotación de recursos marítimo- fluviais (pesca e marisqueo).

    Dadas as características do sistema de produción, principalmente relacionadas coa agricultura e gandería extensivas, coa apertura dos campos de cultivo en busca de zonas con rendibilidade alta, vailles obrigar a mudar episodicamente de zona, o que se traduce en asentamentos seminómadas, coa construción de cabanas erguidas con materiais perecedoiros (feitas con paos, ramas, peles, etc.) que non chegaron a nós como tal, podemos rastrealas analizando as evidencias que deixaron sobre o chan en forma de buracos de poste, fosas, gabias, etc.

    As construcións funerarias, das cales existen numerosas representacións das distintas fases do Megalitismo nos Chans do Barbanza, son zonas de enterramento, ademais de formar parte de espazos delimitadores ou de apropiacións do espazo; é dicir, á par que enterraban os seus mortos, as construcións megalíticas eran identificadores de pertenza a un grupo social determinado, atribuíndose ó uso exclusivo do entorno no cal se asentaba a construción megalítica.

    O Megalitismo é unha manifestación cultural que dura entorno a 2000 - 2500 anos; pero non vai permanecer estable, vai ir evolucionando. Inicialmente, vanse construír grandes cámaras funerarias, con materiais maxestosos polas súas dimensións, como por exemplo Outeiriño Redondo; con posterioridade, vaise construír unha infraestrutura de acceso ou corredor que permita acceder directamente á cámara funeraria, dando lugar a túmulos como a Casota do Páramo que sería a primeira fase dos túmulos con corredor, para posteriormente aparecer túmulos como a Arca do Barbanza. Xa na fase final, vanse construír túmulos tipo cista, neste intres perden a infraestrutura de acceso (corredor) e convértense en elementos con escasa monumentalidade, que destacan pouco na paisaxe. Unhas das explicacións máis plausibles que se ten dado sobre esta última fase do Megalitismo, respecto da escasa monumentalidade dos elementos, é a referente a que nestes intres as zonas de enterramento xa non coexisten coas de produción, polo cal o papel da apropiación do espazo que se lle atribuía a estas manifestacións culturais deixan de ter importancia; a estas sociedades produtoras non lles interesa apropiarse dunha zona degradada ou con rendementos escasos, pero seguirán enterrando como os seus ancestros.

    Os principais exemplares que coroan o Barbanza no Concello de Boiro son: Casota do Páramo, Armadoiro, Pedra da Xesta, Cavada Primeira e Segunda, Casarota do Fusiño e a citada Arca do Barbanza.

    Boiro conta con outra das necrópoles megalíticas máis interesantes do Barbanza, referímonos á necrópole da Amañecida (Cespón) que delimita unha das portelas ou zonas de paso natural entre as Rías Baixas e a península do Barbanza. Está formada por un total de nove túmulos de impresionantes dimensións, aínda que a maioría deles atópanse nun estado de conservación regular-malo. A súa fermosura e importancia xa foron destacadas por Frei Martín Sarmiento en 1745 no seu libro Viaje a Galicia.

Casota do páramo

    Atópase nos Chans do Barbanza, no lugar da Graña, da parroquia de Cures. Trátase dun dolmen con cámara poligonal e corredor. Formada por sete chantos (laxes cravadas verticalmente na terra) e coa lousa de cuberta partida. Mide 3,40 m. por 3,50 m. Do corredor só se conserva a cuberta e unha lousa. O seu estado de conservación é regular, xa que está parcialmente destruída.

Casarota do fusiño

    Pertence á parroquia de Santiago de Lampón. Este dolmen, derruído polo paso do tempo, principalmente polas actividades furtivas dos buscadores de tesouros e aldraxado polos pedreiros, atópase no lugar de Outeiro do Curro; topónimo que fai referencia á celebración neste lugar de curros cos cabalos da Barbanza.

    Pódese descubrir con facilidade a súa cámara, pois conserva a configuración orixinal con sete chantos, cunha planta poligonal pero con tendencia circular. A lousa de cuberta está apoiada no lugar onde arrinca o corredor, do que se poden distinguir dous chantos e a cuberta.

Arca do Barbanza

    Administrativamente pertence á parroquia de Cures. A súa localización coincide co espazo central da Serra do Barbanza. Sitúase ós pés do nacemento do río Barbanza. O seu emprazamento resulta atípico, xa que os creadores destas arquitecturas buscaban sempre zonas con ampla dominación visual, situadas preferentemente en penechairas nas zonas de cumio. Dadas as características morfolóxicas que presenta, está considerado o monumento megalítico máis grande do Barbanza, e posiblemente un dos de maiores dimensións de Galicia, con 6,60 m. de lonxitude, dos cales 3 m. son aproveitados para o corredor. A cámara, de forma poligonal, conserva seis chantos, faltando o da cabeceira. A cuberta está lixeiramente desprazada, e estímaselle un peso de 7 toneladas. O corredor, de dous tramos e forma triangular, conserva catro lousas e dúas de cuberta; ademais pódense apreciar restos de coiraza do túmulo.

    O paso do tempo deixou a súas pegadas na construción funeraria, vén fosen os afeccionados á busca de tesouros, ou por amosarse idónea para albergar tobos de animalias. As investigacións arqueolóxicas teñen incidido sobre estas manifestacións, concretamente na década de 1980 cando xoves investigadores da Universidade de Santiago de Compostela recalan no Barbanza para investigar. Esta actuación levada a cabo en anos sucesivos arroxou moita luz sobre o Megalitismo do NW peninsular, e en concreto do Megalitismo do Barbanza.

 

|