Programas

Promoción do deporte

 

Escolas Deportivas Municipais 

O programa de Escolas Deportivas Municipais (EDM) ponse en funcionamento por primeira vez no curso 1992/1993 coa oferta de 130 prazas destinadas a rapaces e rapazas de idades entre 10 e 18 anos. As especialidades propostas foron cinco (balonmán, voleibol, atletismo, remo e tenis),  desenvolvéndose únicamente ao longo de catro meses.
Dun xeito progresivo, ao tempo que se abría o arco de idades, nas seguintes edicións fóronse introducindo un maior número de especialidades e prazas. Isto tivo o seu reflexo nun notable incremento do número de participantes nos distintos programas, pasando das arredor de 100 persoas da campaña 1993/1994 ás preto de 3.000 inscritas nas últimas edicións. Hoxe en día dende o Departamento de Deportes ofrécense actividades para todo tipo de público, dende cativos de tres anos ata xubilados de máis de oitenta, pasando por persoas con discapacidades, adultos, mozos, etcétera. Entre as especialidades ofertadas están: voleibol, ciclismo, remo, xadrez, piragüismo, golf, baloncesto, natación, tenis, tenis de mesa, ximnasia de mantenemento, ioga e educación física de base. Tamén se ofertan programas específicos para xubilados (bailes de salón, ximnasia e natación) e para persoas con discapacidade (actividades acuáticas e actividade física). Completando as EDM, a programación inclúe unha serie de competicións, ben entre clubes, ben entre centros de ensino, nas especialidades de fútbol e fútbol-sala, minibasket e voleibol. E un apartado destinado ao fomento dos xogos populares, cunha liga de bolos en marcha.
Nas últimas tempadas, varios clubes do concello acadaron importantes resultados a nivel autonómico e estatal, consecuencia, en moitos casos, do labor de formación de base das EDM, que se converten no principal viveiro de novos deportistas do deporte boirense.

 

Quencefrío

Quencefrío é un programa integrado por actividades puntuais, que se desenvolve preferentemente entre decembro e marzo. Ponse en funcionamento por primeira vez no inverno 1997 coa oferta de 350 prazas distribuídas entre 7 actividades distintas. Na actualidade, Quencefrío ven ofertando arredor de 1.000 prazas distribuídas entre máis de 30 actividades, tanto propias da estación (esquí, rafting, etcétera) como non específicas (competicións –ciclocross, carreira popular, voleibol, baloncesto, xadrez, natación, bolos, …-, asistencia a espectáculos deportivos ou xornadas técnicas).

 

Veráns Deportivos

Un xeito de promocionar a participación activa no deporte é a través de campañas específicas. O verán, período de bo tempo e vacacións para a maioría da poboación, constitúe unha época moi propicia para a práctica de actividades físicas e deportivas ao aire libre. 
En Boiro danse unhas excelentes condicións para levar a cabo unha variada gama de actividades deste tipo. A localización costeira do municipio favorece a práctica de actividades relacionadas co mar e a praia. Na auga pódese practicar, por exemplo,  piragüismo, remo, vela lixeira ou windsurf. Pola súa banda, os areais poden ser lugares idóneos para correr, camiñar, practicar fútbol e volei-praia, etcétera. Ao carácter litoral do municipio hai que engadir a súa proximidade á Serra do Barbanza, espazo natural con características óptimas para facer sendeirismo, bicicleta de montaña, descenso de canóns ou escalada. Asimesmo, tampouco hai que esquecer as diferentes instalacións ao aire libre con que se conta no Concello. Se ben no inverno está infrautilizado, no verán este equipamento pódese usar a pleno rendemento mediante a organización de actividades. 
Variada gama de posibilidades, boas condicións climáticas e tempo libre xúntanse e fan da tempada estival unha época perfecta para poñer en marcha programas de promoción deportiva. Tendo esto en conta, o Concello de Boiro leva dende o ano 1994 organizando o seu programa “Veráns Deportivos”. Actividades no mar, como o remo, piragüismo, wind surfing ou vela; na praia, como fútbol, volei, aerobic e batuka ou xogos para os máis novos; campus de baloncesto, fútbol e multideportivos; competicións de ciclismo, traiñeiras, piragüismo, xadrez, volei-praia, fútbol ou natación; cursos variados; sendeirismo ou xogos populares, son unha pequena mostra do que ofrece este programa estival.



Subvencións

Subvencións a clubes deportivos federados e ao fomento de actividades deportivas e de aire libre 

A finalidade da convocatoria é apoiar ás entidades sen fins de lucro nas súas programacións de actividades, prioritariamente no referido a  deporte federado (participación en ligas ou competicións oficiais de ámbito comarcal, provincial, autonómico ou estatal, convocados por organismo oficial ou federacións deportivas galegas). Poderán optar aos programas contidos na presente convocatoria as entidades que cumpran os seguintes requisitos: 
1.- Carecer de fin de lucro.
2.- Estar rexistrada no Rexistro de Entidades do Concello de Boiro.
3.- Desenvolver, se fora o caso, as súas actividades no termo municipal. 
4.-Non estar incursa en ningún dos supostos de incapacidade ou incompatibilidade para  a percepción de axudas ou subvencións públicas.  
5.- Estar ao día nas súas obrigas tributarias, coa Seguridade Social e co Concello.

Os que opten pola modalidade de clubes teñen que cumprir, ademais, o seguinte requisito: 

•    Os clubes federados participarán en competición organizada pola federación galega correspondente durante a tempada precedente á convocatoria. 


Bolsas a deportistas

O Concello de Boiro, no seu labor de promoción e difusión do deporte, é consciente das dificultades de moitos deportistas con talento para progresar naqueles deportes que teñen un carácter individual, de oposición ou náuticos. Por tal motivo e co obxecto de apoiar a práctica e o rendemento deportivo, tanto en relación ao perfeccionamento técnico como a posibilitar a participación en eventos deportivos, realiza unha convocatoria anual de bolsas. Estas axudas van dirixidas a deportistas do concello que reúnan os seguintes requisitos: 
1.- Estar empadroado en Boiro.
2.- Ter entre 13 e 23 anos a data 31 de decembro do ano de convocatoria
3.- Dispoñer de licenza federativa, en vigor no momento da convocatoria. 
4.- Ter participado, na tempada precedente en campionatos galegos, españois ou de nivel superior, ou ter sido convocado polas seleccións galega ou española da especialidade.

5.- Non sufrir sanción ou descualificación por comportamento antideportivo.

|