Historia

Idade do Cobre e do Bronce: os Petroglifos

 

A finais do III milenio antes do cambio de era, arredor do 2200 a. C. vai ter lugar una innovación tecnolóxica, o descubrimento da metalurxia, da transformación dos minerais e metais. Inicialmente, comezarase dominando as técnicas mineiras e metalúrxicas do cobre, para a continuación desenvolver a tecnoloxía do bronce e posteriormente a do ferro (esta última durante a cultura castrexa).

 

A actividade mineiro-metalúrxica fará que se intensifiquen as relacións comerciais e o intercambio económico. Estes feitos son derivados directamente da demanda mediterránea de materias primas, que redundará no NW peninsular pola riqueza dos xacementos estanníferos. Debido a causas diversas, como a actividade mineiro-metalúrxica, vanse producir mudanzas socioeconómicas ó longo do II milenio B. C., xa que determinados grupos fanse co control das redes de intercambio metalífero, polo que comeza unha incipiente diferenciación social; e polo tanto será frecuente a existencia de enxovais metálicos formados por elementos de prestixio e ostentación como son as armas (puñais, puntas de frecha –tipo Palmela- brazais de arqueiro) ou determinados adornos feitos con materiais e técnicas de ourivaría.

 

A importancia dos metais vén determinada por unha maior eficacia na produción, xa que se deseñan utensilios que facilitan os labores, como por exemplo os machados metálicos. Paulatinamente intensifícase a produción de recursos, tanto agrarios como pastorís ou gandeiros; e a especialización na elaboración de produtos derivados (p. e.: leite) e o emprego dos animais como medios de tracción e transporte. Paralelamente, sucédense unha serie de cambios nas especies cultivadas (trigo, cebada e produtos hortícolas) ó verse incrementadas coa presenza de leguminosas, como as fabas, lentellas e chícharos. Nestes momentos prodúcese un afianzamento da economía produtora, o que vai facilitar un incremento demográfico, e polo tanto certa presión sobre o territorio para a explotación do mesmo.

 

Dende o punto de vista da ocupación do territorio, estas comunidades van cambiar as zonas de asentamento e as áreas de explotación de recursos; xa que hai que ter en conta as limitacións das zonas ocupadas na época precedente que se corresponden con zonas esgotadas a raíz do sistema de explotación empregado (sistema de rozas).

 

As zonas de hábitat desprázanse cara ás terras baixas, chairas e vales; establecendo o control sobre certas áreas estratéxicas, coma as zonas de transito ou portelas, ou ben espazos ricos en recursos agropecuarios; ademais de certa dependencia ou preferencia por zonas con proximidade de cursos de auga.

 

O asentamento caracterízase pola precariedade construtiva; cabanas feitas con materiais perecedoiros, sen preocupación por aspectos defensivos en xeral.

As evidencias arqueolóxicas que xeraron estas sociedades da idade dos metais (cobre e bronce) podemos distinguilas en:

  • Espazos domésticos ou habitacionais
  • Manifestacións rituais, simbólicas ou funerarias.

Os espazos domésticos ou habitacionais pertencen ó que os investigadores definen como arqueoloxía invisible, dado ás características que presenta a nivel construtivo e de acondicionamento do espazo, só é posible identificala mediante prospeccións intensivas ou mediante a remoción de terras sometidas a controis arqueolóxicos como ós que se someten as obras públicas.

 

As evidencias estruturais destas ocupacións humanas chegan a nós mediante buracos de poste, fosas, gabias, silos ou fogares escavados no subsolo; elementos moitos deles multifuncionais. Este tipo construtivo cunha arquitecturización que podemos cualificar como precaria, feita a base de ramas de troncos de vexetación arbustiva ou arbórea, suxire unha parca sedentarización da poboación, posiblemente relacionada ca explotación de recursos estacionais.

 

En canto á esfera ritual, simbólica ou funeraria podemos diferenciar dúas realidades distintas: o ámbito mortuorio e a arte rupestre.

 

No que atinxe ó ámbito mortuorio, caracterízase por tratarse dun panorama moi complexo: existe unha pervivencia limitada do megalitismo co emprego ocasional dos espazos tumulares; desenvólvense novas estruturas tumulares como as cistas ou cairns –estruturas pétreas cavadas no chan de pequenas dimensións-, construción de fosas de enterramento; e incluso a posibilidade da inmersión de cadáveres na auga que daría lugar ó achado de acubillos. En canto ó tratamento do cadáver tamén parecen coexistir distintos tipos de estratexias, dende a cremación á inhumación, tendo en conta actividades como a descarnación e desmembramento dos cadáveres.

 

Outra das manifestacións culturais que van desenvolver estas sociedades, e que chegou ó presente en distintos graos de conservación, é a arte rupestre ou petroglifos.

 

A arte rupestre: os petroglifos en Boiro.

É outra das manifestación culturais prehistóricas que deixaron pegada nas terras de Boiro, trátase de gravados feitos na rocha ó aire libre. Os motivos representados son moi variados, podemos distinguilos entre figurativos ou naturistas, e abstractos ou xeométricos.

As representacións figurativas ou naturistas son aquelas nas que podemos intuír o seu significado ou coñecer a realidade que se tenta amosar; é dicir, podemos descifrar un cervo, un antropomorfo –representación humana ou divindades-, unha cabra, un cabalo, etc. Namentres, os abstractos, fan alusión a realidades que non logramos descifrar con certeza; as interpretacións son moi variadas dependendo en gran medida dos distintos investigadores que traten o tema. Algunhas das explicacións aportadas inciden en que se trata de representacións entópticas (resultado do consumo de narcóticos e psicóticos), planos de situación (localización de zonas de pasto ou relacionadas coas zonas de explotación de estaño), espazos simbólicos ou rituais, etc.

A particularidade deste tipo de vestixios arqueolóxicos fai moi difícil, ademais da súa interpretación, establecer a súa cronoloxía. As últimas investigacións apostan por unha cronoloxía ampla, establecendo o máximo apoxeo da mesma dende o III milenio até mediados do II milenio antes do cambio de era, ainda que é posible atopar paradas con anterioridade e tamén con posterioridade.

Estas manifestacións artísticas atópanse no seo dunhas comunidades agro-pastorís que incorporan innovacións tecnolóxicas e agronómicas, o que lles permite unha intensificación agrícola e gandeira, que incorporan novos utensilios que se poderán empregar para intensificar a produción agraria e agropastoril. Nestes momentos prodúcese un afianzamento da economía produtora, o que vai a facilitar un incremento demográfico. Este tipo de cambios van ir asociados a outros, coma unha rivalidade intergrupal pola apropiación dos espazos dedicados á explotación de recursos; esta conflitividade é resultado de definir dereitos exclusivos sobre áreas importantes en recursos (pasto, campos de cultivo de alta rendibilidade, caza, etc.).

As últimas investigacións que se teñen acometido na Comarca, poñen de manifesto que se trata dunha das zonas con maior presenza deste tipo de manifestacións. No caso concreto do concello de Boiro, destacan os petroglifos de Cubeliño, próximos ó lugar de Quinteiro, na parroquia de San Vicenzo de Cespón. A súa presenza xa foi mencionada nas obras de Castelao sobre as cruces da Galiza.

A rocha gravada disponse con certa inclinación, o que facilita a comprensión do conxunto representado, facendo partícipe á rocha da paisaxe representada, semellando que se trata do solo sobre o cal deambulan os cervos.

Outros conxuntos de gravados da arte rupestre son os situados en Vitres, Macenda, Confurco, Agüeiros, ou os petroglifos de Chan dos Reis ou de Pedra da Bouza, tamén son destacables os de Bealo, amplo conxunto con múltiples representacións cerca da capela de San Ramón de Bealo.

 

|