Xeografía

Introdución

O Concello de Boiro encóntrase na bisbarra do Barbanza, na provincia galega da Coruña.

Sitúase no Suroeste da Provincia, na marxe Norte da Ría de Arousa, a máis grande e fermosa das rías galegas. Os municipios que lindan con Boiro son: Rianxo ó Este, Lousame ó Norte e ó Oeste con Porto do Son e Pobra do Caramiñal, coa serra do Barbanza no medio.

A súa situación xeográfica é, latitude 42º 38'7 Norte e a lonxitude 8º 52'7 Oeste. Convén ter presente, para a súa localización nos mapas, que o código xeográfico é o 15.110 o do INE o 15.011 e as follas do mapa topográfico nacional (1/50.000), onde aparece debuxado que son as: 119,120,151, e 152.

Ocupa una superficie de 86 Km2 aproximadamente. É en extensión o terceiro concello dos sete que forman a bisbarra natural do Barbanza (Boiro, Rianxo, Lousame, Noia, Porto do Son, Riveira e Pobra do Caramiñal). É o primeiro concello en número de entidades poboacionais con 117, segundo o 'Nomenclator' de 1981 e agrupadas en 8 parroquias: Bealo, Cespón, Boiro (vila), Abanqueiro, Castro e Lampón como parroquias costeiras, sendo Cures e Macenda ás do interior, que dependen da diocese de Santiago de Compostela. A capital municipal dálle o nome o Concello aínda que antigamente definíase como Boiro de Arriba, está a 50 km da capital de Galicia (Santiago de Compostela) e a 115 da capital da provincia (A Coruña).

Relieve

A altitude media sobre o nivel do mar é de 32 metros. Bordeando este, existe unha estreita franxa litoral, paralela á da montaña, na que se asentan a maior parte dos núcleos de poboación. Dende ela o relevo ascende empinado ata o Norte integrando a serra do Barbanza e superando os 600 metros nos cumios de Fontefría (683 m.), Barazal (640 m.) e Iroite, sendo este con 685 metros o de maior altitude. A serra do Barbanza atravesa o Concello de Norte a Sur. Nas estribacións dos seus accidentais montes ábrense numerosos vales nos que se asentan as parroquias do interior. Nas áreas montañosas os solos están sometidos a continua erosión. Son xeralmente probes e pouco propicios para o cultivo debido á súa pendente e escasa profundidade. Na área litoral, polo contrario, os solos son máis profundos e ricos en materia orgánica, moi aptos para a agricultura..

Hidrografía

Varios son os ríos que atravesan o Concello. Deles, o máis importante é, sen dúbida, o Coroño, termo de clara raíz romana; é o de maior caudal dos da Serra do Barbanza. Dende os cumios da serra, diríxese de Norte a Sur e desemboca en Ponte Goiáns..

Outros ríos de menor entidade son Brea, Grande, Barbanza e Beluso. Destes ríos, o Barbanza desemboca nos termos municipais de Pobra do Caramiñal e o Beluso que desemboca no Concello pero nace no monte Muralla, entre Lousame e Rianxo.

Todos eles son cursos curtos que teñen que salvar desniveis de ata 600 m. debido á proximidade da serra ó mar, e por elo teñen un alto poder erosivo.

Costas

A costa que bordea o termo municipal ten uns trinta e sete quilómetros de lonxitude. Fundamentalmente é baixa, areosa, e salpicada de pequenas agrupacións rochosas. Iníciase na Punta de Escarabote e termina na desembocadura do río Beluso. Está formada por varias praias de gran tamaño e areosas así como pequenas enseadas , puntas rochosas e illotes. Iniciase na Punta de Escarabote e continúa na recollida praia de Gramuiña. Virán logo a Punta de Peralto, marisma de Escarís, desembocadura do río Coroño e Praia Barraña, formidable areal de máis de 3 Km de lonxitude bordeado por un marabilloso paseo marítimo peonil. No seu final atópase o istmo que une as subpenínsula de Cabo de Cruz e Abanqueiro co municipio, coñecidas como Val do Chazo. Atopamos logo , as praias de Rebordelo e Cariño, Careixo, Esteiro, Punta Fusiños, Cabo de Cruz, e fronte a ela a illa de Bensa, Carragueiros, Os Baos, Retorta, Punta do Chazo, Praia de Ladeira, Mañóns, Puntas de Pedrarubia, Fontenla, Portomouro, Arealonga, Capitán e La Palma, Praia de Agañán e enseada do Bodión. En Neixón iníciase a chamada Ría de Beluso, baixa e lodosa.

|