25N 2026 | Concello de Boiro
O Concello de Boiro conmemora o Día Internacional da Eliminación da Violencia conta as Mulleres baixo o lema “Un momento en movemento” para facer unha chamada á implicación permanente de toda a sociedade fronte ás violencias machistas.
O acto central terá lugar o mércores 25 de novembro ás 12.00 horas na Casa Consistorial, que se complementa coas distintas actividades que se desenvolven durante todo o mes.
Este acto vai combinar a lectura dun manifesto colectivo con tres voces de distintas xeracións e experiencias. Participarán na lectura do manifesto o alumnado de educación secundaria, mulleres adultas do Centro de Día e unha persoa que viviu a violencia de xénero en primeira persoa. Estará acompañado pola actuación da pianista Elsa Muñiz, que interpretará distintas pezas para piano nunha proposta que combinará microrelatos e caligramas. Unha experiencia que pretende conectar coa sensibilidade das persoas asistentes e trasladar unha mensaxe de esperanza, fortaleza e capacidade de reconstruírse.
O lema deste ano “25N. Un momento en movemento” busca transmitir que a loita conta as violencias machistas non se pode limitar a unha data concreta, senón que require dunha revisión constante, unha actitude activa e un compromiso permanente por parte do conxunto da sociedade.
Así mesmo, o Concello de Boiro está adherido á campaña DE FRONTE, impulsada pola Deputación da Coruña, e que este ano pon o foco no sistema proinstitucional e nas desigualdades sociais, económicas e culturais que o sosteñen. Unha realidade atravesada pola desigualdade de xénero, a pobreza, o racismo, a precariedade e outras formas de discriminación que afectan especialmente ás mulleres migrantes, racializadas e trans.
Programa completo de actividades do CIM
