Preguntas frecuentes

Canto tempo ten un operador para tramitar a miña baixa do servizo?

O contrato extinguirase polas causas xerais de extinción dos contratos e especialmente, por vontade do abonado. Será suficiente con comunicalo ao operador cunha antelación mínima de dous días hábiles ao momento no que a de facerse efectiva a baixa.

O operador non poderá facturar calquera cantidade con posterioridade ao prazo no que debeu surtir efectos a baixa, salvo causa imputable ao usuario.

 

Fixen unha compra por internet. Existe algún prazo legal de entrega?

Salvo que as partes acordasen outra cousa, o vendedor deberá entregar o pedido como máximo no prazo de 30 días a partir do día seguinte da compra.

 

Podo devolver algo que merquei por internet ?

Disponse de un prazo de 14 días naturais, a contar dende a adquisición do ben, para devolver o produto sen necesidade de xustificación. Esta decisión terá que comunicarse ao vendedor antes de que finalice o prazo e a través dalgún medio que acredite que realmente existiu esa comunicación.

 

É legal que no contrato de venta a distancia non veña o documento de desistimento?

Non, o vendedor ten a obrigación de informar por escrito no contrato dunha forma clara, comprensible e precisa, do dereito de desistir e dos requisitos e consecuencias do seu exercicio, incluíndo as modalidades de restitución do ben ou servizo recibido

Se o vendedor non facilita ao consumidor a información sobre o dereito de renuncia, o período para desistir amplíase de 14 días naturais a 12 meses despois a contar a partir da data de celebración do contrato no caso de tratarse na prestación de servizos, ou a partir da recepción dos bens. 

 

Como podo reclamar a factura da luz se non estou de acordo cos seus importes?

O primeiro que debes facer é presentar a reclamación ante o servizo de atención ao cliente da compañía, que poderás facer a través do teléfono que aparece na factura que será gratuíto, ou ben remitindo a reclamación por escrito á compañía, sexa mediante carta postal, correo electrónico ou mediante folla de reclamación que terán que facilitarche na  propia oficina da compañía. No caso de non obter unha resposta no prazo dun mes ou non ser satisfactoria, pódese acudir á OMIC do teu Concello ou ante o Instituto Galego de Consumo. Tamén poderás tramitar a túa reclamación a través de calquera asociación de consumidores.

 

Que garantía teñen os produtos?

O vendedor responde das faltas de conformidade que se manifesten nun prazo de dous anos dende a entrega (produtos novos e de segunda man). Agora ben, para os bens de segunda man, o vendedor e o consumidor poderán pactar un prazo menor, que non poderá ser inferior a un ano dende a entrega.

 

Que garantía ten a reparación do meu vehículo feita nun taller?

Todas as reparacións ou instalacións que se leven a cabo en calquera taller quedarán garantidas, como mínimo, nas seguintes condicións:

  • A garantía outorgada polo taller caducará aos tres meses ou 2.000 quilómetros recorridos. A garantía relativa á reparación de vehículos industriais caducará aos quince días ou 2.000 quilómetros recorridos salvo que as pezas incluídas na reparación teñan un prazo de garantía superior.

  • período de garantía entenderase dende a data de entrega do vehículos e terá validez sempre que o vehículo non sexa manipulado ou reparado por terceiros.

  • A garantía enténdese total, inclúe materiais aportados e man de obra, e afecta a todos os gastos que se puideran ocasionar.

Producida unha avaría durante o período de garantía na parte ou partes reparadas, o taller deberá facer a reparación de forma gratuíta.

|