8M - Día Internacional da Muller Traballadora

MANIFESTO INSTITUCIONAL

8M DÍA INTERNACIONAL DA MULLER

O Concello de Boiro, este 8 de marzo, quere unirse a todas as mulleres do mundo para comezar a construír un futuro no que a innovación e a tecnoloxía creen oportunidades sen precedentes para que as mulleres e as nenas desempeñen un papel activo na creación de sistemas máis inclusivos, servizos eficientes e infraestruturas sostibles para acadar a igualdade plena entre homes e mulleres.

O día Internacional da Muller traballadora é un bo momento para reflexionar acerca dos avances acadados, pedir máis cambios e celebrar a valentía e a determinación das mulleres de a pé que xogaron un papel clave na historia dos seus países e comunidades.

O lema que Nacións Unidas propuxo para este ano “pensemos en igualdade, construamos con intelixencia, innovemos para o cambio” céntrase nas formas innovadoras nas que podemos avogar pola igualdade de xénero e o enpoderamento das mulleres, en especial nas esferas relativas os sistemas de protección social, o acceso os servizos públicos e as infraestruturas sostibles.

Nembargante, a incorporación das mulleres ao mercado laboral, a permanencia no emprego e as súas condicións de traballo aínda están lonxe de producirse en condicións de igualdade.

As estatísticas seguen a revelar unha realidade desigual nas retribucións salariais, na promoción profesional, no acceso a sectores e ámbitos aínda fortemente masculinizados, así como tamén na presenza nas esferas de decisión. E a este escenario contribúe, certamente, a persistencia dos estereotipos de xénero; de aí que sexa preciso traballar en favor dun cambio cultural e de valores que modifique as actitudes, os roles e os estereotipos que sustentan a desigualdade de xénero

Un dos grandes retos para os vindeiros anos é a conciliación da vida persoal, familiar e laboral e a corresponsabilidade no ámbito doméstico e familiar. A desigual repartición das responsabilidades familiares e das tarefas do fogar constitúe un dos principais obstáculos para que a participación, a permanencia e a promoción das mulleres na esfera laboral se produza de forma plena.

É indubidable que a plena igualdade no ámbito laboral só será posible se existe unha asunción equitativa do traballo doméstico e de coidados no ámbito do fogar. Temos que apostar por un modelo de sociedade corresponsable no que homes e mulleres compartan de maneira equilibrada responsabilidades domésticas e familiares.

É necesario impulsar a concienciación do conxunto da sociedade en favor dunha organización social corresponsable, así como reforzar os recursos destinados á conciliación da vida laboral, persoal e familiar.

a conciliación é un problema que debe ser resolto tanto por homes coma por mulleres e debe ser facilitado e impulsado polas distintas administracións. Sen conciliación non hai crecemento sustentable nin social nin económico posible.

É fundamental seguir apoiando o liderado feminino e a presenza das mulleres en todas as esferas da sociedade, incluíndo os postos de decisión e influencia, á vez que cómpre seguir traballando para derrubar os obstáculos que dificultan a incorporación en condicións de igualdade e a promoción profesional das mulleres. A innovación e a tecnoloxía brindan oportunidades sen precedentes, pero, as tendencias actuais indican que a brecha dixital estase a ampliar e que as mulleres están insuficientemente representadas nos campos da ciencia, a tecnoloxía, a enxeñería, as matemáticas e o deseño. Isto impide desenrolar e influír no desenrolo de innovacións sensibles ó xénero que permitan acadar beneficios transformadores para a sociedade. Dende a banca móbil ata a a intelixencia artificial o a internet de tódalas cousas, é vital que as ideas e as experiencias das mulleres inflúan por igual no deseño e na aplicación das innovacións que conformarán as sociedades do futuro. Para iso, ademais da aplicación de políticas específicas, resulta imprescindible seguir traballando para eliminar os estereotipos e roles que sustentan a desigualdade de xénero.

Non se pode esquecer que a manifestación máis cruel e inhumana da desigualdade existente entre mulleres e homes no mundo é a violencia de xénero. A eliminación da violencia contra as mulleres é un reto de toda a sociedade, unha tarefa conxunta que require unha actuación unitaria e a máxima coordinación, colaboración e cooperación.

Para rematar, e co convencemento de que xunto ca cidadanía podemos acadar unha sociedade en igualdade plena entre mulleres e homes, queremos aproveitar este Día Internacional Da Muller para renovar o noso compromiso de seguir traballando, día a día, en prol da igualdade de xénero.

 

 

Día Internacional da Muller Traballadora

|