Decretase o peche perimetral en Boiro para evitar o incremento do número de contaxios

Boiro, 4 de decembro de 2020

A Consellaría de Sanidade decidiu, na xuntanza do subcomité clínico de expertos que fai o seguimento á evolución da Covid-19 en Galicia, incorporar ao municipio boirense á listaxe de dezasete concellos con restricións máximas. As medidas entrarán en vigor ás 00.00 horas, logo da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Boiro pasa dende hoxe ao nivel máximo de restricións, polo que non se poderá entrar nin saír do municipio. A hostalería estará pechada, so poderán abrir as terrazas, cunha capacidade máxima do 50% e ata as 17.00 horas. Os desprazamentos de entrada e saída do municipio so se poderán realizar por causas debidamente xustificadas como sanitarios, laborais, educativos, asistencia e coidado...

O Concello de Boiro solicitou a Sanidade un cribado masivo de probas PCR, que comeza esta tarde con todo o persoal traballador do sector hostaleiro, preto de 380 persoas que están sendo notificadas para realizala no hospital do Barbanza. O sábado pola tarde e o domingo durante todo o día, realizarase un cribado masivo para a franxa de idade comprendida entre os 35 e os 44 anos, onde se detecta o maior número de contaxios, no Centro de Saúde de Boiro.

Todas as persoas serán citadas a través dunha mensaxe SMS coa data e hora á que teñen que asistir para realizar a proba e, todos os resultados negativos se comunican do mesmo xeito en 24 horas. Dende o Concello de Boiro solicitase a colaboración da veciñanza para asistir á realización das probas co obxectivo de frear a expansión do virus.

O Concello de Boiro solicitou esta mañá á Subdelegación do Goberno a colaboración do exercito nas tarefas de limpeza e desinfección das rúas con maior afluencia de xente, que son Avenida da Constitución, rúa Peonil e rúa Principal. Ademais, solicitouse o incremento dos efectivos para o control da poboación.

|