Apertura de instalacións deportivas municipais para o deporte federado

O Concello de Boiro, tendo en conta a evolución da situación epidemiolóxica no municipio, decidiu comezar coa apertura, de xeito progresivo, das instalacións deportivas municipais de exterior, exclusivamente para a práctica de deporte federado.

O día 2 de decembro, o Concello de Boiro decretou o peche temporal de instalacións municipais e cancelación de actividades culturais e deportivas para frear a curva de contaxios. O día 4 de decembro, a Consellería de Sanidade decretou o peche perimetral e o nivel máximo de restricións para o municipio e, despois dun mes, o número de contaxios diminuíu.  Os clubs deportivos do municipio comezan a súa actividade, polo que precisan facer uso das instalacións municipais para os adestramentos.

Permítese, polo tanto, a partir de hoxe, o uso das instalacións deportivas municipais de exterior para a práctica de deporte federado. Para o uso das instalacións, os clubs que así o desexen teñen que facer unha solicitude ao departamento de deportes e cumprir cos protocolos sanitarios xerais decretados polas autoridades sanitarias e, de xeito particular, os da federación correspondente para a práctica de deportes.

En ningún caso se vai permitir o acceso de persoas alleas á actividade ou club a ditas instalacións. Estas medidas están suxeitas á evolución da situación epidemiolóxica do municipio e ás restricións impostas polas autoridades sanitarias.

|