AVISO sobre o abastecemento de auga municipal
D. José Ramón Romero García, alcalde-presidente do Concello de Boiro
FAI SABER:
Primeiro.- Que nalgúns núcleos de poboación se están a suceder faltas de presión no abastecemento de auga consecuencia do uso intensivo e xeneralizado que se fai de este servizo en determinados horarios puntuais.
Segundo.- Que, consultados os servizos técnicos municipais, estímase que a falta de presión se debe a un consumo excesivo por parte da veciñanza derivado de baldeos, rego en xardíns e acometidas non autorizadas. Algunha destas situacións veñen provocadas polas altas temperaturas que se están a sufrir e que van continuar nos vindeiros días.
Terceiro.- Que esta falta de presión provoca que determinados usuarios non dispoñan do abastecemento mínimo necesario para levar a cabo accións esenciais como a hixiene persoal ou uso alimentario que se fai de este servizo.
Cuarto.- Que segundo establece o Regulamento xeral do servizo municipal de subministración de auga potable do Concello de Boiro do ano 2013, “as acometidas non autorizadas e os usos da auga non establecidos no contrato ou prohibidos conlevarán a sanción correspondente”.
Quinto.- Rógase e recoméndase un uso responsable da auga municipal, quedando prohibido ata novo aviso o rego de xardíns e baldeos con auga da traída municipal entre as 20:00 e as 23:00 horas. Así mesmo, dende o servizo municipal levarase a cabo un maior control da posible existencia de acometidas non autorizadas.
Sexto.- Con estas medidas trátase de minimizar os efectos que a falta de presión pode provocar no abastecemento municipal. De persistir esta situación valorarase outro tipo de medidas mais restritivas.
