Comunicado Covid-19

Medidas preventivas específicas relativas á situación sanitaria no Concello de Boiro

En Boiro, a 19 de novembro de 2020

O Concello de Boiro, ante o aumento de casos positivos dos últimos días e o Nivel 3 de alerta, decidiu tomar medidas específicas para o control e prevención da situación sanitaria. Segundo informa a Consellería de Sanidade, o municipio de Boiro continúa hoxe en Nivel 3 de alerta por casos activos de Covid-19 pero as medidas de prevención seguen sendo as mesmas que estaban vixentes ata o momento, recollidas no DOG núm. 223-Bis, orde do 4 de novembro de 2020 pola que se establecen as medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da Covid-19

Como medida preventiva, o Concello de Boiro decidiu aprazar a sesión plenaria ordinaria correspondente ao mes de novembro, prevista para hoxe 19/11/2020, que se suspende ata novo aviso.

Os operarios municipais continúan coas limpezas e desinfeccións diarias, intensificando estas nas zonas de maior afluencia de xente como son núcleos urbanos das principais parroquias, contornas de supermercados e comercios, marquesiñas e demais mobiliario urbano, así como perímetros dos centros educativos e centro de saúde.

As dependencias municipais seguen abertas e mantense a atención ao público, agás no servizo de Recadación que se atopa pechado durante o día de hoxe como medida preventiva polo positivo dun traballador, ata que mañá se poidan reincorporar os demais ao dar negativo e non ser considerados contacto directo.

Recomendase que se priorice a atención telefónica e telemática e que se acuda ás instalacións municipais para aqueles casos de necesidade e con cita previa, coidando sempre o mantemento da distancia interpersoal, o uso obrigado de máscara de protección así como as demais medidas de hixiene e seguridade.

O Concello de Boiro, no momento que se detecta un positivo nun traballador/a, realiza a proba aos demais traballadores/as do departamento e ponse en coñecemento das autoridades sanitarias para que determinen a situación de cada un. Estase a traballar tamén para a reactivación do plan de teletraballo que se seguiu nos meses de confinamento para, no caso de que sexa necesario, aplicalo nos distintos departamentos.

As actividades culturais, de ocio e recreativas mantéñense seguindo as medidas, restricións e limitacións decretadas pola Consellería de Sanidade, na orde do 4 de novembro, con preasignación de sitios, capacidade reducida, distancia de seguridade e uso de máscaras.

Dende o Concello de Boiro pedimos a toda a cidadanía que extreme as precaucións e cumpra con todas as medidas de seguridade e prevención ditadas polas autoridades sanitarias para facer fronte á situación epidemiolóxica ocasionada pola Covid-19, tales como son uso obrigatorio de máscara de protección, o mantemento da distancia social, coidar a correcta hixiene e desinfección de mans e evitar as aglomeracións de persoas.

 

|