Declaración do Concello de Boiro polo día Internacional do Orgullo

Cada ano, o 28 de xuño configúrase como un día de reivindicación e celebración compartida da loita do movemento LGTBIQ e de demostración do apoio e o recoñecemento do conxunto da sociedade. Fai uns días ocorreu no noso pobo un feito sen precedentes, un veciño sufriu na súa vivenda pintadas homófobas por reivindicar os dereitos deste colectivo, un feito que nos avergoña e que dende o Concello de Boiro desaprobamos e rexeitamos.

A celebración do Día Internacional do Orgullo debe servir como unha oportunidade para deixar atrás as medidas regresivas contra a diversidade e os dereitos das persoas e como un avance cara a igualdade real. Dende o Concello de Boiro entendemos que sen os dereitos do colectivo LGTBIQ a nosa democracia non sería plena.

A pesar dos avances realizados, é moito o que aínda anos queda por avanzar, xa que a discriminación do colectivo LGTBIQ ou das persoas que promoven a igualdade segue dándose en reiteradas ocasións e boa parte da poboación segue a sufrir ameazas e insultos e a presenciar comportamentos homófobos.

O 28 de xuño é un chamamento á visibilidade, ao coñecemento e ao respecto das persoas LGBTIQ, unha xornada para poñer o foco en algo que debera ser inherente ao ser humano: a diversidade. Este día debera ser unha lembranza do principio máis esenciais das persoas: “todos os seres humanos nacen libres e iguais en dignidade e dereitos”.

Dende o Concello de Boiro consideramos que neste Día Internacional do Orgullo 2021 é importante impulsar cada día accións que promovan a loita contra a desigualdade, fomentando a educación e o ensino como piares fundamentais do desenvolvemento e o progreso.

O pobo de Boiro é orgulloso, de ser e sentir.

|